martes, 1 de junio de 2010

OSPAAAL SOLIDARIEDADE GALICIA CONDEA O ATAQUE DE ISRAEL Á "FLOTA DA LIBERDADE"

Ospaaal Solidariedade Galicia súmase á xusta vaga de condeas que desde que se deu o ataque á Flota da Liberdade na madrugada do luns 31 de maio de 2010, poboan a escena social e política de medio mundo.

Só agardamos que as novas voces que agora se suman non cambien mañá por razóns de comercio e mercado; que non prosigan coa súa venda de armas e sofisticacións a Israel, armas, elas que serven para sementar o terror nos terriotorios palestinos, armas, elas, que serviron para asasinar a inocentes que só desexaban axudar.

Israel xa hai tempo que superou todas as liñas vermellas posibles e a súa arrogancia e prepotencia, unidas á unha enorme insensibilidade cara aos Dereitos Humanos do pobo palestino e á súa realidade histórica, sitúan non aos gobernadores de Israel, senón á propia sociedade que os apoia mediante o seu voto nunha situación de difícil comprensión para o resto do mundo.

O ataque de Israel á Axuda Humanitaria produciuse en augas internacionais. E os barcos, contrariamente ao que din as autoridades israelis para xustificar o asasinato e a violencia, non levan nin terroristas nin armas, senón máis de 10.000 toneladas de axuda humanitaria para a poboación da franxa de Gaza.

As últimas informacións falan de 16 mortes e ao redor de 60 persoas feridas.A Flota da Liberdade estaba organizada pola fundación humanitaria turca IHH (Insani Yardim Vakfi), a Campaña Europea para Acabar o Asedio de Gaza (ECESG), a campaña grega e a sueca 'Barco a Gaza' e o Free Gaza Movement. Tratábase da maior acción coordenada realizada ata o momento para intentar romper o bloqueo marítimo de Gaza.

Cerca de 750 persoas de diferentes relixións e nacionalidades integraban esta iniciativa solidaria, entre elas máis de vinte parlamentarios europeos, unha ex congresista estadounidense, un premio Nobel da Paz e un sobrevivente do Holocausto. Entre elas atopábanse dous activistas e un xornalista españois.

Desde OSPAAAL SOLIDARIEDADE GALICIA amosamos a nosa máis enérxica repulsa a este novo ataque aos dereitos humanos e a solidariedade entre os pobos por parte do Estado israelí.
Os ataques ao pobo palestino conforman un verdadeiro terrorismo de Estado por parte de Israel e cada acción bélica reduce a pó a posibilidade da necesaria paz para o pobo palestino. E só a reiterada aceptación e tolerancia das potencias occidentais -que se fundamentan nun poderoso odio a todo o que é islámico, amais de obvias razóns xeoestratéxicas de control de recursos- permite que Israel, en cada acción, eleve o grao de forza no uso da violencia e o terror bélicos.

Á nosa organización gustaríalle ver como non só España, senón a Unión Europea e sobre todo a gran potencia norteamericana EE.UU. levan a cabo verdadeiras accións de rexeitamento e illamento do goberno sionista perante esta enésima vulneración da lexislación internacional e esnaquizamento de calquera convención existente dos Dereitos Humanos. E ese illamento debe vir acompañado dunha forte presión diplomática internacional para que cese a ocupación colonial dos territorios palestinos ocupados e deseñar as accións oportunas para avanzar no camiño da paz.

OSPAAAL SOLIDARIEDADE GALICIA únese e anima á sociedade civil galega a que se posicione con voz firme en contra deste ataque. Hoxe, 1 de xuño, ás 20:30 horas están previstas concentracións de protesta en:
- A CORUÑA: No Obelisco.
- SANTIAGO DE COMPOSTELA: Praza do Toural.
- FERROL: Diante do edificio da Xunta de Galicia.
- PONTEVEDRA: Praza da Peregrina.
- VIGO: Dianto do MARCO.

Que Israel sinta que se queda soa
Que Palestina oia o noso berro solidario

Brión, 1 de xuño de 2010.

No hay comentarios: