sábado, 18 de octubre de 2008

UNHA SEMANA PARA TOMAR CONCIENCIA...DE VERDADE?

Loitar contra a pobreza significa replantearse, en primeiro lugar, que tipo de sistema queremos para a ligazón entre as relacións humanas e o contorno. Non é unicamente apelar ao 0,7%; nin á erradicación da débeda externa e a eliminación das chantaxes das corporacións capitalistas que actúan en nome da democracia e do libre mercado; nin é tampouco espallar a solidariedade humana a nivel planetario. É todo iso e tamén dicir de forma aberta e clara se queremos seguir mantendo o concepto de desenvolvemento que rexe na actualidade.

Serge Latouche escribía un libro importante sobre a necesidade de superar o concepto actual de desenvolvemento, incluso o de desenvolvemento sostible, para apelar a unha necesidade de decrecemento primeiro. Vivir ben con menos e redistribuir a riqueza. Reflexións que deberían asomar nos discursos das ONGD's e que, coida este que escribe, están ausentes para insistir no mesmo. Como debe ser o desenvolvemento dos países agora empobrecidos? Podemos seguir mantendo o mito do crecemento-desenvolvemento nos países ricos?

Esta Semana servirá para que moitas persoas de entrega abnegada realicen performances nas rúas das cidades do Norte, para que xurdan números de contraste que deberían anoxarnos, para que os gobernantes do desgoberno nos digan que fan todo o posible e que aínda farán máis no futuro. Hipocrisía gubernamental por todas partes. Iso veremos.

E todo nun contexto de crise no que os gobernos axudan con diñeiro público a sistemas financeiros que se lucraron, lucran e lucrarán cos aforros de todas as persoas. E mentres as persoas de a pé son expulsadas do seu posto de traballo. Condicións suficientes para que esta semana contra a pobreza pase difuminada, como pasa todo cando o bandullo do Norte sofre indixestión.

Decrezamos xa, mudemos de sistema político económico no Norte, redistribúamos a riqueza co Sur e levemos a cabo todas as accións dos OMD nun contexto de paz e solidariedade internacional...UTOPÍA? Si, pero paga a pena loitar.
Santiago, 18-outubro-2008

sábado, 11 de octubre de 2008

U-LO 0,7% PROMETIDO?

Os recentes datos sobres os Presupostos Xerais do Estado para o 2009 amosan que a crise do capitalismo ímola pagar os que traballamos nas bases. As promesas electorais quedarán en papel mollado e todo se xustificará pmediante a palabra "crise". Non chegaremos nesta lexislatura non só ao 0,7% requirido, senón tampouco ao 0,5 % prometido para a axuda e solidariedade internacional cos países menos favorecidos e empobrecidos polas gadoupas do neoliberalismo dos países ricos. Estes países asinaran unha serie de compromisos os Obxectivos do Milenio para ir rematando coa situación de desequilibrio NOrte-Sur. De novo, papel mollado. Amais diso, reduciranse os postos para os -errados pero existentes- catálogos do continxente. Amais diso tamén, existe esa vergoñenta Directiva de Retorno. Conclusión entristecente: os países ricos, "embigados" na resolución da crise -empregando medidas que non favorecen á clase traballadora- danlle aínda máis -e xa era difícil- as cóstas á situación dos países empobrecidos e ás súas xentes.

11-outubro-2008

sábado, 4 de octubre de 2008

OSPAAAL GALICIA CON CUBA

Despois da desfeita que deixou o furacán que devastou a illa resistente, as consecuencias non deixan de abraiar e, loxicamente, cómpre poñerse en marcha e axudar ás persoas afectadas. Cuba quere a solidariedade, non a caridade nen as esmolas. Que Estados UNidos se negue a erguer o embargo e queira axudar con 5 millóns de dólares é hipócrita. Fondamente hipócrita.

Por iso, Ospaaal Galicia se adheriu á Plataforma Axuda Urxente a Cuba que se está poñendo en marcha en Ferrol.

Actos previstos en relación coa constitución de dita Plataforma:

* Rolda de prensa. Mércores 8 de outubro, ás 12h, no Ateneo Ferrolán.

* Acto Informativo, xoves 9 de outubro 2008. Participará o Cónsul de Cuba. Salón de Actos do Ateneo Ferrolán, rúa Madalena 202. Previamente haberá unha xuntanza da plataforma ás 18 horas, e ás 19h entrevista co Cónsul.


* Festival pro Cuba. Noméase unha comisión de varias entidade para falar coa Concelleira de Cultura de Ferrol, co obxectivo de conseguir o Teatro Jofre. No seu defecto, pedirase o Centro Cultural Carvalho Calero, da Praza do Inferniño. As datas que se barallan son 14 ou 21 de novembro. Tamén falarase con diversos grupos musicais, e con Xurxo Souto, para que este último faga de presentador do Feltival.

* Difusión a partir do 8 de outubro. Quédase que coa roda de prensa cada entidade o publicite tanto a través das súas páxinas na Rede, como a través do correo electrónico e demais medios disponibles.