sábado, 18 de octubre de 2008

UNHA SEMANA PARA TOMAR CONCIENCIA...DE VERDADE?

Loitar contra a pobreza significa replantearse, en primeiro lugar, que tipo de sistema queremos para a ligazón entre as relacións humanas e o contorno. Non é unicamente apelar ao 0,7%; nin á erradicación da débeda externa e a eliminación das chantaxes das corporacións capitalistas que actúan en nome da democracia e do libre mercado; nin é tampouco espallar a solidariedade humana a nivel planetario. É todo iso e tamén dicir de forma aberta e clara se queremos seguir mantendo o concepto de desenvolvemento que rexe na actualidade.

Serge Latouche escribía un libro importante sobre a necesidade de superar o concepto actual de desenvolvemento, incluso o de desenvolvemento sostible, para apelar a unha necesidade de decrecemento primeiro. Vivir ben con menos e redistribuir a riqueza. Reflexións que deberían asomar nos discursos das ONGD's e que, coida este que escribe, están ausentes para insistir no mesmo. Como debe ser o desenvolvemento dos países agora empobrecidos? Podemos seguir mantendo o mito do crecemento-desenvolvemento nos países ricos?

Esta Semana servirá para que moitas persoas de entrega abnegada realicen performances nas rúas das cidades do Norte, para que xurdan números de contraste que deberían anoxarnos, para que os gobernantes do desgoberno nos digan que fan todo o posible e que aínda farán máis no futuro. Hipocrisía gubernamental por todas partes. Iso veremos.

E todo nun contexto de crise no que os gobernos axudan con diñeiro público a sistemas financeiros que se lucraron, lucran e lucrarán cos aforros de todas as persoas. E mentres as persoas de a pé son expulsadas do seu posto de traballo. Condicións suficientes para que esta semana contra a pobreza pase difuminada, como pasa todo cando o bandullo do Norte sofre indixestión.

Decrezamos xa, mudemos de sistema político económico no Norte, redistribúamos a riqueza co Sur e levemos a cabo todas as accións dos OMD nun contexto de paz e solidariedade internacional...UTOPÍA? Si, pero paga a pena loitar.
Santiago, 18-outubro-2008

No hay comentarios: