domingo, 23 de noviembre de 2008

ÚLTIMOS DÍAS ANTES DO I FORO SOCIAL GALEGO

Onte tivo lugar a derradeira reunión do Consello Dinamizador do Foro Social Galego, onde se ultimaron detalles para que o evento dos días 5, 6 e 7 de decembro sexa un éxito de público e participación.

O programa definitivo xa está impreso e pódese descargar desde o enlace que ofrecemos neste blog. O outro día reflexionaba sobre motivos para adherirse ao FSGal e, a verdade, é que, se desexamos ser un suxeito consciente, ben informado, e con capacidade para actuar con quen pensemos máis oportuno, pois, hai que facelo. Non podemos ser simples espectadores. A crise e os seus remedios que reinventan -e que "refundan" (sic) o capitalismo- son alicerces para asentar o fundamento esencial do ideario capitalista. Por iso, se realmente queremos unha alternativa ao neoliberalismo, cómpre unirse nun movemento social de amplos rostros pero cun mesmo fin.

MOTIVOS

Galicia está no mapa dos soños, deses soños e utopías que abrollan da man do diálogo, do debate, da controversia tamén, e do encontro que resume un desencontro. Os seus temas son variados, diversos, múltiples e enriquecedores. Todos eles deseñan os contornos dun mundo que non se entende a si mesmo, dun mundo que se devora a si mesmo esnaquizando a NAI-TERRA, deixando no deserto ás persoas. Pero non só se contempla a negatividade. A ollada crítica que denuncia os males compleméntase coa formulación de alternativas non só probables e posibles, senón necesarias.

Si Galicia está no mapa dos soños.

Eses soños escapan xa da nosa interioridade. Desexan terra e realidades concretas. De aí a importancia deste I FORO SOCIAL GALEGO que terá lugar entre os días 5 e 7 de decembro de 2008 en Compostela. Os galegos e galegas debemos recoñecernos nese mapa de soños e utopías e achegar as nosas denuncias asi como as nosas alternativas. Debemos ser quen de confluir no fin primeiro: construir unha alternativa ao neoliberalismo. Porque é necesario. As galegas e os galegos sabemos tamén de altermundismo. Sabemos cales son os síntomas que manifesta a nosa terra. Sabemos tamén cales son os remedios. Pero para que estes teñan efecto dependen da unión e da forza dos movementos sociais organizados e de todas aquelas persoas que desexen achegar o seu gran transformador.

O I FORO SOCIAL GALEGO traerá da man das diversas organizacións adherentes voces que son referencia no altermundismo. Haberá conferencias, debates, presentacións, actividades culturais e lúdicas, e outros elementos que ben merecen ser o punto de partida dunha Galicia que reclama o seu lugar no altermundismo. Se vencemos as nosas teimas, se achegamos toda a nosa forza a este FORO SOCIAL GALEGO, poderemos axudar a Eduardo Galeano quen nunha fermosa carta dada a coñecer en galego por Alfredo Iglesias Díeguez se dirixe ao Señor Futuro:

“para pedirlle un favor. Vostede saberá desculpar a modestia.(…). Estamos a quedar sen mundo. Os violentos baten nel, como se fose unha pelota. Xogan con el os señores da guerra, como se fose unha granada de man; os voraces esprémeno, como se fose un limón. A este paso, teño esa impresión, máis cedo que tarde o mundo non podería ser máis que unha pedra morta a xirar no espazo, sen terra, sen auga, sen aire, sen alma.(…). Pedímoslle, que non se deixe desaloxar. Para estar, para ser”….

No hay comentarios: