martes, 8 de junio de 2010

UNHA OUTRA EDUCACIÓN PARA UN OUTRO MUNDO, DE MANOEL SANTOS

ARTIGO QUE SAIU NO LECER DESTE DOMINGO NO GALICIA HOXE:
****
Santiago acollerá este decembro o primeiro Foro Mundial de Educación que se celebra en Europa. Pódense presentar propostas até o 30 de xuño dende a web do foro.

Santiago acollerá este decembro o primeiro Foro Mundial de Educación que se celebra en Europa. Non é un simple evento, nin un congreso ou unha xuntanza de educadores, redes e ONG. É todo un movemento planetario nacido a carón do Foro Social Mundial cun só obxectivo: para un outro mundo posíbel, outra educación é necesaria.

Foi Teivo Teivanen, director do Departamento de Ciencia Política da Universidade de Helsinki e membro fundador do Consello Internacional do Foro Social Mundial (FSM), quen escribiu que non é posíbel comprender o proceso do Foro como un proceso político sen ter en conta a súa dimensión pedagóxica.

En efecto, cando hai agora dez anos nacía en Porto Alegre o FSM, esa especie de parlamento de cidadáns e cidadás da Terra, facíao para buscar alternativas a un mundo dominado pola máis cruel das lóxicas economicistas. Un mundo no que o vinte por cento das persoas chuchan de case o noventa por cento dos recursos planetarios. Un mundo desigual, inxusto, agresivo, guerreiro.

Un mundo de humanidade deshumanizada. Mais para mudar ese mundo, para alcanzar ese outro mundo posíbel que se opoñía á hexemonía do pensamento Davos, para construír alternativas reais, cumpría e aínda cómpre exercer un xigantesco proceso de reeducación, inter e intrapersoal. Ou é que alguén dubida do papel da educación –xa sexa esta formal ou informal– na transformación social?

Poucos como Moacir Gadotti, unha das almas do FSM, definen mellor o que queremos dicir: “A grande novidade do FSM é que derrubou a descrenza, o fatalismo neoliberal e o pensamento único. O peor non é pensar que só ese mundo é posíbel. O peor é ese mundo transformado en fetiche. A fetichización instaurou un mundo de insensibilidade e de naturalización da inxustiza, da miseria e da guerra. Só unha nova concienciación poderá desbloquear ese atranco da humanidade”. De aí que moitos definiran dende o principio o FSM como un movemento de reeducación planetaria.

Con todo, paralelamente ao xurdir do FSM en xaneiro de 2001, era necesaria outra plataforma que incidira especificamente, con máis insistencia se cadra, na creación dun espazo democrático para o diálogo e a formulación de alternativas fronte as políticas neoliberais de exclusión, discriminación e privatización do dereito á educación. Foi así como naceu o Foro Mundial de Educación (FME), cuxa primeira edición sería tamén en Porto Alegre pero varios meses despois, baixo o lema “Educación no mundo globalizado”. Dende aquela, e até xaneiro de 2009, celebráronse seis edicións centralizadas do FME (Porto Alegre, Caracas, Bamako, Karachi, Nairobi, Belém) e incontábeis encontros rexionais e temáticos.

En 2007, en Nairobi, no FME aprobábase a creación dunha Plataforma Mundial de Educación recuperando a idea do internacionalismo das loitas pedagóxicas: dereito humano á educación pública, concepción emancipadora da educación, control social do seu financiamento, desmercantilización… Nunca na historia da educación mundial houbo un movemento popular tan grande na defensa da educación como o organizado polo FME, que en Belém do Pará, en 2009, lograba reunir a máis de 10.000 participantes.

Foro 2010: decembro de Paz
Entre o 10 e o 13 de decembro de 2010 vaise celebrar en Santiago de Compostela un Foro Mundial de Educación temático sobre educación, investigación e cultura de paz, que pechará as tres grandes actividades auspiciadas polo Consello Internacional do FME este ano. As dúas anteriores foron o Foro Mundial de Educación Infantoxuvenil de Osasco (São Paulo) en febreiro e será o Foro Mundial de Educación sobre Multiculturalidade en Palestina a finais de outubro. Santiago abrirá ademais paso ao vindeiro foro centralizado, que será en xaneiro de 2011 en Daqar (Senegal).

O FME de Compostela desenvolverase baixo o paraugas do Foro 2010, un gran contedor de eventos e actividades a nivel mundial que xirarán durante o mes de decembro ao redor da Cultura da Paz en tres dimensións ben diferentes. A dimensión institucional xirará en torno a varias xuntanzas auspiciadas por Nacións Unidas (3-6 de decembro), entre membros do grupo de alto nivel para a Alianza de Civilizacións, a Comisión de Premios Nobel da Paz e os coordinadores do Decenio da Cultura da Paz e a Non Violencia. A segunda dimensión será a académica, con tres congresos internacionais sobre información e dereitos humanos (7 e 8 de decembro), sobre o dereito humano á paz (9 e 10 de decembro) e sobre memoria da guerra, reconciliación e cultura de paz (días 14 e 15 de decembro).

Porén, o evento máis salientábel pertence á terceira e máis importante dimensión, á da sociedade civil. O Foro Mundial de Educación, Investigación e Cultura de Paz, que así se chama, traerá a Galiza xentes de todo o mundo. Unha chea de integrantes desegran movemento pola cidadanía planetaria e polo dereito universal á educación que comparten o espazo do FME. Xentes que, dun xeito ou doutro, levan adiante proxectos de educación popular, formal ou non formal, e de enfrontamento ao neoliberalismo, xa sexa en esferas públicas, gobernamentais ou non, colectivas ou de investigación. Nesta era de voracidade capitalista, de axustamentos para os pobres e impunidade para os ricos, de todo se vende e todo é mercadoría, precisamos máis ca nunca de plataformas de acción que traten de construír eses outros mundos antagónicos dun capital que, como dixo o filósofo István Mészáros, esgotou a súa capacidade civilizatoria.

No hay comentarios: