jueves, 2 de julio de 2009

A CUARTA URNA. A PARTICIPACIÓN DO POBO NA DEMOCRACIA vs O SECUESTRO DA DEMOCRACIA POLA OLIGARQUÍA

A CUARTA URNA. A PARTICIPACIÓN DO POBO NA DEMOCRACIA vs O SECUESTRO DA DEMOCRACIA POLA OLIGARQUÍA

Os tempos, desde este domingo 28 á noite, cando voitres enmascarados e alimentados pola ignorancia secuestran e expulsan de Honduras ao presidente Zelaya, semellan planificados pola voracidade da tecnoloxía.

Voracidade porque a velocidade informativa agolpa todo um explosivo cóctel de mensaxes difusas e impide razonar sequera as respostas cando aínda non se teñen todos os elementos de análise ao alcance da reflexión e da valoración crítica. Esa voracidade provocou todas as primeiras reaccións, sexan de corte dubitativo e deliberadamente ambiguo (a administración Obama en xeral, explicable polos desexos de Zelaya de converter á importante base militar estadunidense de Soto Cano (Palmerola) en aeroporto civil e, xa que logo, de expulsar aos militares de aí, vid. Artigo de Eva Golinger, “La base militar de EEUU en Honduras em el centro del golpe”, Rebelión, 2-7-09), de defensa do goberno de Roberto Micheletti imposto polos golpistas (CNN), ou de defensa apoloxética do presidente deposto Manuel Zelaya (a meirande parte dos diversos comunicados que realizou a orbe mundial).

Para quen escribe o primeiro son os dereitos humanos, os dereitos do pobo hondureño agora mesmo sacudidos pola irrupción golpista.

Non caiamos na tentación de culpar unicamente ao exército, xa que é o medio do que se nutren os poderosos instalados no cumio piramidal da sociedade hondureña desde sempre. Dito doutro modo: no fondo, os dereitos humanos, os dereitos do pobo hondureño sempre estiveron sometidos a recurte e limitación, cando non a violación.

Como di Miguel Castillo no seu artigo de hoxe en Rebelión, o Congreso, a Corte Suprema de Xustiza e o alto mando militar, os principais medios de comunicación, o sector produtivo, empresarial e comercial, todo está em mans da oligarquía. Hai algún país no que non sexa así, preguntámonos? Hai algún país de tradición neoliberal no que as institucións democráticas non estean dominadas polas oligarquías e gobernadas de cóstas ás necesidades reais da poboación?

Honduras representa de forma paradigmática cómo as estruturas democráticas, cando controladas e monopolizadas pola oligarquía, están ao servizo dos poderosos e cómo, cando se ven sacudidas para que penetre algo de luz, de transparencia, de democracia real, esas estruturas, xa viciadas, seguen amosando a súa faciana antipobo digno do totalitarismo fascista: de aí as constantes ordes de captura emanadas pola Corte Suprema contra líderes populares como Rafel Alegría, Carlos H. Reyes, ou o propio Manuel Zelaya.

O problema salta cando un presidente decide non someterse a ese poder e confiar o poder verdadeiro dunha democracia ao pobo. Por iso, unha simple enquisa dirixida ao pobo, para que participe e se exprese sobre a reforma constitucional depositando o seu parecer no que se chama a “Cuarta Urna”, fixo tremer os alicerces da oligarquía e desencadeou o golpe. Porque a oligarquía ten exemplos sobrados de cómo as urnas constrúen en países veciños proxectos sociais, proxectos de esquerdas, realizados co pobo e non de cóstas a el. Eis o motivo fundacional, entroutros.

O pobo de Honduras sabe que non está só e sabe que se xoga moito neste golpe de estado: xógase ter voz de verdade na construción da súa sociedade. Xógase ter unha Asemblea Nacional Constituínte encargada de redactar unha nova Constitución. De aí, as manifestacións multitudinarias e a frontal oposición interior ao goberno de Micheletti, quen busca ser aprobado mediante todas as vías posibles....coa participación dos grandes grupos mediáticos que sementaron desde hai tres meses o escenario político de xenreira cara a “cuarta urna” e crearon as condicións precisas para demonizar a Manuel Zelaya e para que se producira o golpe de estado do domingo 28 de xuño (vid. Y. Ron / M. Rodríguez, El golpe cocinado em el fuego mediático. La jugada final de la prensa hondureña, xuño 2009, descargable en Rebelión).

Pero non nos abraiemos de forma inxénua. Aprendamos do comportamento do pobo hondureño. Ollemos os nosos intestinos democráticos e pensemos en todo o que acontece mediatica e socialmente cando se insinúa a posibilidade de reformar a constitución para dar cabida a novos dereitos, ou para avanzarmos no recoñecemento de dereitos para a poboación migrante (voto activo e pasivo, por exemplo), ou para incluír a eutanasia como un dereito, etc, ou, simplemente, que un presidente do estado español convoque un referendo sobre se queremos seguir sendo unha monarquía ou unha república, onde ninguén estea por riba do pobo... E entenderemos que o acontecido em Honduras non é nada raro.

Desde estas liñas queremos solidarizarnos co pobo hondureño que loita para que se lle dea voz, para que se lle recoñezan os seus dereitos, de expresión e participación. Apoiamos a lóxica aspiración do pobo de liberarse da soga oligarca e o seu lento e duro camiñar ata situarse lonxe do abafo mercantilista e chantaxista que quere establecer a cosmocracia neoliberal en Honduras. Queremos que volva Zelaya e que teña a valentía de seguir coa idea inicial: o sacrificio valente do seu pobo meréceo.

Xabier Ron
OSPAAAL-GALICIA
2-xullo-2009

No hay comentarios: